Desta volta, e por mor de estar escribindo encol do filme “A esmorga”, vou empregar o galego. Espero que a todo aquel que lea este análise non lle moleste nin lle impida comprender todo aquilo que busco recoller nos seguintes parágrafos.
Baseado na novela homónima de Blanco Amor, o filme narra a festa continua por Ourense adiante na que viven os tres amigos protagonistas: Cibrán, O Milhomes e O Bocas. Todos eles están enormemente interpretados por Miguel de Lira, Antonio Durán ‘Morris’ e Karra Errejalde respectivamente. Eles tres levan o peso de toda a trama, dando pé a numerosas lecturas e mensaxes que ben de forma implícita, ben de forma explícita, Ignacio Vilar procura transmitir ao espectador. Cómpre realizar un pequeno inciso antes de continuar co análise: o filme desenvólvese nos anos 50, baixo a ditadura franquista (cando o propio Blanco Amor publica o libro), mentres que a novela acontece a finais do século XIX.
Retomando o fío, deses tres protagonistas, persoalmente decántome polo Milhomes. Dos tres, é o que presenta maior ambigüidade. Especialmente no terreo sexual. É a personaxe con maiores luces ca sombras, pois O Bocas é puro instinto e nervio e Cibrán é o que, aparentemente, maior sentidiño e capacidade de reflexión presenta neste trío de amigos. Morris logra darlle eses aires de misterio ao Milhomes. Por outra banda, cómpre salientar o traballo de Errejalde para dominar o uso do galego, defendéndose moi ben. E Miguel de Lira mostra un Cibrán con medo, que busca aparentar certa imaxe de camadería diante dos outros dous. Porén, resulta rechamante coma os tres protagonistas buscan no alcohol, na esmorga, unha vía de escape dunha experiencia vital que dista de ser idílica.
Outro dos grandes acertos de Vilar é que non busca empregar o galego normativizado, senón que deixa que as personaxes falen nese galego cheo de formas dialécticas, como por exemplo, “anque” en vez de “aínda que”. Tamén resulta rechamante, encol da posta en escena, o xogo ca paleta de cores. As escenas en exteriores están protagonizadas polas cores frías, dándolle á trama un aire decadente e tristeiro. Pola outro lado, as escenas de interiores, practicamente en tabernas ou prostíbulos, presentan unha paleta de cores onde predomina os cores alaranxados e cálidos, sendo coherente co sentimento e emocións dos propios personaxes ao estar diante dunha cunca de viño ou dun vaso de augardente.
Por último, gustaríame destacar o uso dunha banda sonora, a cargo de Zeltia Montes, que se emprega para incidir nesa viaxe cara os infernos á que se vén abocados os tres protagonistas. Xa dende os primeiros compases, o espectador é capaz de percibir a decadencia, a pobreza e máis a carencia e toda esperanza. A música de Zeltia fire ao espectador como fire as imaxes de Vilar. A dor dos personaxes transpira da pantalla e achégase ao propio espectador, o cal, en todo momento parece ser un membro máis da esmorga.
“A esmorga” foi un dos fenómenos socioculturais máis destacados en Galicia nos últimos anos. Toda unha fita en termos cinematográficos. E non é para menos, a película de Vilar é unha fiel adaptación á novela de Blanco Amor, logrando reflexar ese inferno etílico de Cibrán, O Bocas e O Milhomes. Toda unha demostración de que o cine galego está nun momento sumamente doce, xa non sendo algo utópico, senón toda unha realidade. Ademais, se o visionado desta película implica a posterior lectura da novela, especialmente nos máis novos, estamos ante unha das grandes noticias, en termos culturais, dos últimos anos. Unha garantía da supervivencia dunha lingua e dunha cultura diferentes e, polo tanto, necesarias coma calquera outra.